ACTIVIDADES EXTRA/COMPLEM. EQUIPO DA LINGUA GALEGA, BIBLI SOLIDARIAS, MOCHILAS VIAXEIRAS

xoves, 23 de abril de 2015

HOXE CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO

Hoxe foi un día moi intenso no cole de Atios, a celebración do Día do Libro tívonos ocupados toda a mañá:

* Os nenos e nenas de 3º e 6º prepararon algunhas obriñas de monicreques para os nenos da escola


* Nas aulas se prepararon murais, poemas, manualidades,... relacionadas cos libros







* E tivemos a sorte de contar coa visita da poeta Medos Romero que falou co alumnado de 5º e 6º de primaria, e co alumnado de secundaria; a ela lle adicou a nosa mestra de plástica este magnífico mural:


martes, 21 de abril de 2015

UN LIBRO E UNHA FLOR

Sabíades que en Cataluña é costume que cada 23 de abril a xente saia á rúa e agasale libros e rosas?
Nesta data móntanse unha morea de postos ambulantes pola rúa onde poder mercar libros e rosas; deste xeito recréase a lenda de Sant Jordi que fala dun dragón que atemorizaba á veciñanza;o rei decideu enviar á súa filla como sacrificio para acougar o dragón. Camiño da cova do dragón, a princesa atopou un cabaleiro que acabou matando o dragón e rescatándoa. Do sangue do dragón morto naceu unha rosa bermella que o cabaleiro entregoulle á princesa.



luns, 20 de abril de 2015

ADICAMOS O DÍA DO LIBRO A MEDOS ROMERO

Esta semana todas as bibliotecas estamos de festa, celebramos o 23 de abril que no noso cole adicamos este ano á poeta Medos Romero.


Remedios Fernández Romero naceu o 21 de outubro de 1951 na parroquia de Somede, no concello de As Pontes; as paisaxes da súa aldea natal enchen moitos dos seus poemas.

CARA Ó FREIXO

Canta a cobra.
Estala o sol nos medeiros,
Aló, monte arriba,

lonxe, nunha restreba.


ABAIXO DA ALDEA DE ABAIXO
Ondea a auga co vento,
moura e calada,
entre dos calaxós.
Un troiteiro cruza caladiño
cara a Malvís
na lancha, río arriba.
Os regatos verten sen canseira.
Só o croar dunha pega
racha este silencio.

NINGÚN DE NÓS
O noso carro canto hai que adorna o museo.
Cando meu pai se vaia,
ningún de nós tocará peza algunha
no fermoso acordeón italiano.
Non saberemos facer cestos,
Nen sequera recoñecer os cuartos da lúa.
Moito antes xa perdera a forxa o seu ferreiro,
E o vello Antón baduaba nos camiños
Tras dun enxame que nunca se habería de pousar.

Medos Romero vive hoxe en Valdoviño e traballa como enfermeira en Ferrol.

Ten publicados numerososos libros de poemas:
  • Rendéome no tempo, 1998, edición da autora, Pontedeume.
  • Ámome en por min, 1999, Espiral Maior.
  • O peso da derrota, 2000, Espiral Maior.
  • Lenzo das madrugadas, 2003, Follas Novas.
  • O pozo da ferida, 2006, Deputación da Coruña.
  • A seitura dos tristes, 2006, Follas Novas.
  • Do corpo e a súa ausencia, 2010, Sociedade de Cultura Valle-Inclán.
  • A ansia do lóstrego, 2012, Follas Novas.
Aproveitade o Día do Libro para rebuscar nas librarías os seus libros ou achegádevos ás feiras dos libros que estes días se celebran na provincia para buscalos; o vindeiro xoves teremos a súa visita na nosa biblioteca.

xoves, 26 de febreiro de 2015

NAMORADOS DE ROSALÍA

As celebracións do día de San Valentín encheron de corazóns a nosa boblioteca e tanto amor estamos a compartilo nesta semana coa marabillosa Rosalía de Castro, cos seus poemas, coas paisaxes galegas da súa poesía, coas súas verbas escritas na nosa querida lingua galega; vos deixamos un par de fotos da nosa boblioteca nestes días e un dos seus magníficos poemas:

TODOS SOMOS ROSALÍA!!!!!




Cantarche hei, Galicia,
na lengua galega,
consolo dos males,
alivio das penas.

Lugar máis hermoso
no mundo hachara 
que aquel de Galicia.
Galicia encantada!

Galicia frolida!
Cal ela ningunha,
de frores cuberta,
cuberta de espumas.

Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta se ríe
conmove se chora.

mércores, 4 de febreiro de 2015

DÍA DOS HUMEDAIS

Xa sabedes que este ano o noso colexio está volcado nun proxecto que se chama ECOLOXÍA CON G e que na biblioteca estamos a lembrar algunhas das datas máis relevantes do calendario ambiental; neste mes de febreiro estamos a celebrar o DÍA DOS HUMIDAIS cunha pequena exposición de libros sobre o tema, e o cole tivo a sorte de contar coa visita de Fran, un educador ambiental da Cooperativa de Educación Ambiental CEM, que lles falou aos rapaces e rapazas de 5º da importancia destes ecosistemas e que ademáis lles sirveu de guía nunha visita á lagoa da Frouxeira.


VISITA DE MARCOS CALVEIRO

Onte tivemos a sorte de contar coa visita de Marcos Calveiro na nosa biblioteca, autor de numerosos libros, entre eles:




A súa charla de onte estivo centrada no seu libro  O pintor do sombreiro de malvas( 2010, premio Lazarillo 2009 e premio de literatura infanto-xuvenil 2011 da AELG; Traducido ao castelán en 2010, publicado en Edelvives) e na figura de Vincent Van Gogh que protagoniza este libro.




Se queredes podedes consultar o blog do autor e coñecer un pouquiño máis a súa obra que é realmente fantástica:
http://alfaias.blogaliza.org/

DÍA DA PAZ NO CPI DE ATIOS





Onte celebramos o Día da Paz na nosa biblioteca e para facelo contamos coa colaboración do alumnado de 4º A e B que representaron para todos unha obriña de teatro baseada no libro de Anxo Moure titulado " As árbores da paz".

Ademáis os nenos e nenas de 3º A leron para todos nós un libro, A pomba Dona Paz, de Ramón Caride.