ACTIVIDADES EXTRA/COMPLEM. EQUIPO DA LINGUA GALEGA, BIBLI SOLIDARIAS, MOCHILAS VIAXEIRAS

sábado, 20 de febreiro de 2021

24 de febreiro Día de Rosalía

Celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro o vindeiro mércores 24 de febreiro. En tan sinalada data, poñemos á vosa disposición unha pequena exposición na biblioteca na que poderedes atopar edicións consideradas históricas da obra de Rosalía (por seren anteriores a 1985) xunto con edicións actuais ilustradas moi fermosas.

Descubride os pequenos tesouros que acolle a nosa biblioteca!!




O Equipo de Dinamización da Lingua Galega preparou para todos vós unhas interesantísimas actividades no seu apartado da páxina web do CPI de Atios. Prodedes clica na foto de embaixo para acceder a elas.




luns, 21 de decembro de 2020

Suxestións de lecturas para o Nadal

 Velaquí tedes as suxestións de lectura para este atípico Nadal 2020, recompiladas polo equipo de biblioteca e marabillosamente maquetadas por María nesta preciosa presentación.

Grazas, María, pola túa arte!!




martes, 24 de novembro de 2020

Exposición 25 de novembro Día da Non violencia de xénero

 Dende a Biblioteca queremos facer a nosa achega para toda a comunidade educativa na celebración do 25 de novembro e para iso, organizamos unha exposición de libros que tratan os temas da igualdade, a non violencia, a igualdade de oportunidades e a visibilización do traballo feito por mulleres.


Na exposición poderedes atopar libros para todas as idades e que abordan o tema dende perspectivas moi diferentes: humorística, como Cutremamá ou Até as princesas soltan peidos; ensaística, como Pioneiras. Galegas que abriron camiño; ficcionada, como A aprendizaxe de Betsy ...). Como as exposicións so teñen sentido se teñen público, queremos animarvos a subir a vela. Lembrade que todos os libros da exposición se poden levar en préstamo!!



Colaboran o EDLG e o EACE do CPI de Atios.

 

venres, 20 de novembro de 2020

Os alumnos de 6º de Primaria explican a CDU

 A Biblioteca do CPI de Atios ten a honra de ofrecervos unha das mellores explicacións da CDU (Clasificación Decimal Universal) que temos visto xamais. Sabedes que a CDU é o sistema polo que se clasifican os libros nunha biblioteca cando estes están organizados por materias; pois ben, os alumnos de 6º de Primaria do noso cole téñeno tan claro que elaboraron esta explicación para toda a comunidade educativa, exemplos incluídos!!

Non o perdades, clicade na imaxe embaixo para acceder ao vídeo. Noraboa aos alumnos é á súa profe!!!

Sumario CDU - Bibliopos: Biblioteca de recursos para Bibliotecarios y  Opositores

xoves, 12 de novembro de 2020

Neurocientífica galega nas aulas do CPI de Atios

O vindeiro luns 16 de novembro teremos a honra de conectarnos a través de videoconferencia coa neurocientífica lucense Sonia Villapol Salgado que falará cos nosos alumnos de 4º ESO.

A Dra. Villapol licenciouse en  Bioloxía na especialidade de Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse na Universitat Autònoma de Barcelona coa cualificación de sobresaliente cum laude.

 Exerceu como profesora na Facultade de Medicina da Universitat Autònoma de Barcelona; en París, traballou no Hospital Robert Debré nun equipo de investigación do Institut National de la Santé et de la Recherche Médicale; e nos Estados Unidos, tamén foi profesora no departamento de Neurociencia da Universidade de Georgetown.

Actualmente, forma parte do Equipo de Investigación Internacional de covid-19, coordinando un equipo internacional de neurocientíficos que analiza como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso.

Todos agardamos con impaciencia que chegue o luns!! Mentres tanto, clicade sobre a foto de Sonia para acceder a un prezi e saber máis sobre ela.

Agradecemos moitísimo aos equipos EDLG e EACE a súa colaboración e o seu traballo, que fixo posible a presenza virtual dunha científica galega nas nosas aulas.


sábado, 7 de novembro de 2020

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Este novembro celebramos o Mes da Ciencia en Galego en todas as Bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como nas bibliotecas escolares de toda Galicia. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá entre os días 7 e o 28 do vindeiro mes, é sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica.

Ao longo deste mes, poderedes atopar na biblio do cole unha selección de libros sobre ciencia para todas as idades que realizou o equipo da Biblio en colaboración co EDLG. Botade un ollo nas novas estanterías brancas e lembrade que se poden levar libros en préstamo.













Embaixo déixovos un exemplo de libros súper interesantes; é un enlace, clicando na imaxe lévavos a unha páxina de Pinterest con moitas outras deliciosas suxestións.


E aquí unha recompilación de materiais de ciencia en galego (a imaxe tamén é o enalce).


Poñede a bata de laboratorio e mans á obra!!

EDLG e Biblioteca do CPI de Atios.