mércores, 26 de maio de 2021

Día das Letras

 A pasada semana celebramos o Día das Letras e os Maios. No noso centro sempre vencellamos a celebración dos Maios coa das Letras e os tres equipos (de biblioteca, o EDLD e o EACE) organizamos en conxunto actividades nas que participa todo o alumnado, de Infantil a Primaria.


Os alumnos de Infantil coñeceron o libro Flores do escritor, ilustrador e artista Hervé Tullet e despois realizaron as súas propias composicións. Leron o conto de Gianni Rodari Que fai falta? e gravaron un vídeo-conto que compartiron co resto do alumnado e que se pode ver en Atios TV. Tamén coñeceron a Xela Arias a través das obras accesibles para eles: Darío a diario e o conto dos Bolechas publicado con motivo das Letras e dedicado a Xela.

Os alumnos de Primaria, ademais de facer actividades relacionadas cos recursos colgados nos enlaces ao blog, tamén fixeron outras actividades: o grupo de 6º B está a traballar as Regueifas co colexio de “Soutelo de Montes” a través da ferramenta interactiva “Genially”, esas regueifas teñen como fío condutor a figura e obra de Xela Arias. Aínda están sen rematar completamente, pero axiña as poderedes ver.




O alumnado de 5º participa nestes días nun taller de poesía coa autora que se traballou tamén no Día do Libro en Secundaria, Ana Varela, neste obradoiro aprenden a facer poemas con distintos tipos de rima e verso, caligramas, elaboraron poemas entre todos...

Ademais, o mércores 12 de maio ás 12’00 h. un grupo de alumnos de 4º ESO participou no programa divulgativo da lingua na TVG Dígocho eu a través da plataforma Twitch. O evento tivo lugar na nosa biblioteca e a participación dos nosos alumnos, xunto con outros cinco centros, foi retransmitida en directo en todas as aulas do centro. O vídeo está dispoñible na canle en Twitch do programa.

Na biblioteca aínda podedes ver unha pequena exposición coas obras de Xela Arias.