xoves, 24 de febreiro de 2022

Ferramenta útil para a lectura

 A profe Zeltia de lingua castelá, colaboradora da nosa biblioteca, achegounos esta curiosa e útil ferramenta: Reading Length, da que nos fala Julián Marquina na súa páxina web. 


É unha app moi fácil de usar que primeiro permite atopar calquera libro no seu buscador e logo indica o tempo que tardaríamos en acabalo. O cálculo faise inicialmente en base a velocidades lectoras de promedio, pero pódese personalizar á velocidade lectora de cada un.

Imagen superior cortesía de Shutterstock a través de julianmarquina.es

Libros ás cegas

 Do 1 ao 21 de febreiro celebramos no CPI de Atios 21 Días co Galego e +, a Biblioteca colabourou nunha das moitísimas actividades que se levaron a cabo ao longo destas tres semanas e unha das que tiveron moi boa acollida entre o alumnado.A actividade consistía en ter unha cita ás cegas cun libro que se elixía en función dos indicios escritos sobre o papel que o envolvía. 

Velaquí tedes a morea de libros que envolvimos para Primaria. Os alumnos gozaron da actividade escollendo o seu libro; posteriormente, realizaron ben un vídeo "unboxing" co seu libro ou ben unha breve recensión explicando a súa opinión persoal da obra.


Vanessa, profe de historia, coordinadora do EDLG e ideóloga da iniciativa. Moitas grazas por todo!!!!!!








Areíñas na pel

 


Presentámosvos unha das novas adquisicións da biblioteca, o marabilloso libro Areíñas na pel, da editorial viguesa Meirch&Peich:


É un libro que trata o tema das persoas extremadamente sensibles dende un punto de vista fácil de entender para todos os públicos e especialmente recomendado para os máis pequenos.


O libro vén provisto de códigos QR nos que se poden descargar cancións axeitadas a cada momento do libro; só hai que buscar o símbolo da buguina para saber cando debemos reproducir a canción e desfrutar dunha experiencia envolvente co libro.


Temos dous exemplares á vosa disposición no expositor de novidades. Unha gran pequena obra á que se lle pode tirar moito proveito na aula para traballar a empatía.

Exposición de libros polo Día da Nena e a Muller na Ciencia

 Co éxito que está a ter o noso recuncho de libros no corredor do 2º piso, aínda imos prolongar uns días máis a exposición en conmemoración do Día da Nena e a Muller na Ciencia.

Lembrade que calquera libro se pode levar en préstamo, so tedes que achegalo á biblioteca e solicitalo; e tede en conta que, debido ao movemento de libros, os títulos expostos están en constante renovación e cambio. Sempre hai algo novo que ler!!