Moi bo día!
É unha ilusión para nós informarvos a todos de que xa chegaron (por fin!) ao centro os dous álbumes parlantes que nos dera a coñecer a nosa compañeira de música Yolanda. Trátase de dous dispositivos con espazo para fotos e capacidade de gravar e reproducir audio fabricados pola empresa BJ Adaptaciones, especializada en material escolar de inclusión e para necesidades educativas especiais.
Pensamos é de grande utilidade para traballar a narración e a oralidade, a secuenciación e coherencia dun relato, as linguas estranxeiras, ... Combina a alfabetización e as TIC, pois é posible falar e escoitar traballando con secuencias de fotos, presentacións e mesmo coñecer novas palabras.
Simplemente hai que insertar debuxos ou fotografías nos petos de cada páxina e gravar mensaxes de ata 10 segundos relacionados coa imaxe da páxina. Cada mensaxe de voz individual pódese reproducir en calquera momento, simplemente pulsando o botón.
Como dixo a nosa compañeira Rosa, de física e química: "igualiño que os de Harry Potter". Pouco lle temos que envexar xa ao cole de Hogwarts.
Tedes os álbumes á vosa disposición na biblioteca, no armario amarelo mural ao lado da mesa do profe, agardando impacientes pola vosa creatividade.
O equipo de biblioteca.