martes, 24 de novembro de 2020

Exposición 25 de novembro Día da Non violencia de xénero

 Dende a Biblioteca queremos facer a nosa achega para toda a comunidade educativa na celebración do 25 de novembro e para iso, organizamos unha exposición de libros que tratan os temas da igualdade, a non violencia, a igualdade de oportunidades e a visibilización do traballo feito por mulleres.


Na exposición poderedes atopar libros para todas as idades e que abordan o tema dende perspectivas moi diferentes: humorística, como Cutremamá ou Até as princesas soltan peidos; ensaística, como Pioneiras. Galegas que abriron camiño; ficcionada, como A aprendizaxe de Betsy ...). Como as exposicións so teñen sentido se teñen público, queremos animarvos a subir a vela. Lembrade que todos os libros da exposición se poden levar en préstamo!!



Colaboran o EDLG e o EACE do CPI de Atios.

 

venres, 20 de novembro de 2020

Os alumnos de 6º de Primaria explican a CDU

 A Biblioteca do CPI de Atios ten a honra de ofrecervos unha das mellores explicacións da CDU (Clasificación Decimal Universal) que temos visto xamais. Sabedes que a CDU é o sistema polo que se clasifican os libros nunha biblioteca cando estes están organizados por materias; pois ben, os alumnos de 6º de Primaria do noso cole téñeno tan claro que elaboraron esta explicación para toda a comunidade educativa, exemplos incluídos!!

Non o perdades, clicade na imaxe embaixo para acceder ao vídeo. Noraboa aos alumnos é á súa profe!!!

Sumario CDU - Bibliopos: Biblioteca de recursos para Bibliotecarios y  Opositores

xoves, 12 de novembro de 2020

Neurocientífica galega nas aulas do CPI de Atios

O vindeiro luns 16 de novembro teremos a honra de conectarnos a través de videoconferencia coa neurocientífica lucense Sonia Villapol Salgado que falará cos nosos alumnos de 4º ESO.

A Dra. Villapol licenciouse en  Bioloxía na especialidade de Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse na Universitat Autònoma de Barcelona coa cualificación de sobresaliente cum laude.

 Exerceu como profesora na Facultade de Medicina da Universitat Autònoma de Barcelona; en París, traballou no Hospital Robert Debré nun equipo de investigación do Institut National de la Santé et de la Recherche Médicale; e nos Estados Unidos, tamén foi profesora no departamento de Neurociencia da Universidade de Georgetown.

Actualmente, forma parte do Equipo de Investigación Internacional de covid-19, coordinando un equipo internacional de neurocientíficos que analiza como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso.

Todos agardamos con impaciencia que chegue o luns!! Mentres tanto, clicade sobre a foto de Sonia para acceder a un prezi e saber máis sobre ela.

Agradecemos moitísimo aos equipos EDLG e EACE a súa colaboración e o seu traballo, que fixo posible a presenza virtual dunha científica galega nas nosas aulas.


sábado, 7 de novembro de 2020

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Este novembro celebramos o Mes da Ciencia en Galego en todas as Bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como nas bibliotecas escolares de toda Galicia. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolverá entre os días 7 e o 28 do vindeiro mes, é sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de empregar o galego na literatura científica.

Ao longo deste mes, poderedes atopar na biblio do cole unha selección de libros sobre ciencia para todas as idades que realizou o equipo da Biblio en colaboración co EDLG. Botade un ollo nas novas estanterías brancas e lembrade que se poden levar libros en préstamo.













Embaixo déixovos un exemplo de libros súper interesantes; é un enlace, clicando na imaxe lévavos a unha páxina de Pinterest con moitas outras deliciosas suxestións.


E aquí unha recompilación de materiais de ciencia en galego (a imaxe tamén é o enalce).


Poñede a bata de laboratorio e mans á obra!!

EDLG e Biblioteca do CPI de Atios.